A banda galega Cuarta Xusta estará o vindeiro 01 de xuño no OurenRock Sound Festival presentando as cancións do seu primeiro traballo "Un novo espertar". Un traballo cheo de boa música que as a levado a tocar por toda Galicia neste pasado ano, e que aun continúa neste.
 
Para coñecerlas millor e saber máis do se disco debut falamos con elas e esto foi o que nos contaron...
 
- Para os que aínda non vos coñecen contádenos un pouco, quen sodes, de onde vides e onde ides?
 
Nós somos Cuarta Xusta e o noso grupo componse por Marta ó violín e á guitarra, Lúa á batería, Alba ó baixo, Alberto á guitarra e Aida á voz. Vimos das terras de Melide, Agolada e Antas de Ulla, polo que se pode dicir que nos atopamos no corazón de Galicia. A nivel de grupo, todo comezou cun grupo de amigos e amigas ós que unía a música e que tiñan ganas de pasalo ben. Musicalmente falando, esta primeira formación non tiña moito que ver co que somos agora, pero pouco a pouco fomos evolucionando e comezando a crear algo noso.
 
- Dicídenos, cales son vosas maiores influencias musicais?
 
A nivel musical a verdade é que contamos con moitas e moi variadas influencias, tanto no panorama galego, coma no español ou mesmo internacional, porque cada unha de nós escoita música moi diversa entre si e desfrutamos descubrindo sempre novos grupos. Con todo, se temos que falar dos referentes, podemos dicir que os grupos que máis inflúen en nós son dende sempre os grupos de música galegos.
 
- Que nos contades nas vosas cancións?
 
Pois a verdade é que os nosos temas teñen unhas temáticas moi variadas, pero o fío común que as une todas podemos dicir que son as inxustizas sociais. Nas nosas cancións gústanos expresarnos e facer que as persoas que nos escoiten reflexionen sobre a realidade.
 
 
- O violín é un pouco vosa marca de identidade. Como e por que decidistes incorporalo ao voso son?
 
Sempre que nos preguntan por que introducimos o violin nos nosos temas nós respostamos “e por que non?” Si, é certo que esta é unha pregunta que nos fan a miúdo debido a que o violín é un instrumento que se soe encasillar na música clásica, pero iso non quere dicir que non teña vida máis alá dunha orquesta sinfónica.
 
En canto ó como o incorporamos ós nosos temas a resposta é ben sinxela: no grupo hai persoas que tocan o violín, imos ver que pasa se o xuntamos coa música que nos gusta. Dise que a curiosidade mata ó gato, pero neste caso non foi para tanto, non?
 
- O ano pasado publicastes o voso primeiro traballo "Un novo espertar" Que nos podedes contar del?
 
Un novo espertar é o noso primeiro traballo que conta con oito temas propios en lingua galega e que se caracterizan polo corte reivindicativo e social que mostran. Ademais disto, ó longo deste proxecto contamos coa compañía de amigos e de diversos artistas do panorama galego.
 
Foi gravado en Arzúa por Paco Cerdeira, producido por nós e contou tamén coa colaboración de Anxelo de Xermar. Ademais, ós mandos do deseño estivo Miguel Duarte e detrás da cámara fotográfica atopábase Gloria López.
 
 
- Contastes coa colaboración dalgúns artistas galegos. Quen? Como xorden estas colaboracións?
 
Como xa dixemos, neste traballo non estivemos soas e animáronse a berrar con nós Javi Maneiro de Herdeiros da Crus en Non dicimos nada, Bocixa de Zënzar en Lección de historia, Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe en Rebelión e Jasper de Nao en Novo espertar.
 
Nós sempre desfrutamos indo a concertos e festivais nos que actuaban estes grupos e foi aí onde se produciu o primeiro contacto. Cando tivemos as bases do noso proxecto falamos con eles e tiveron a ben botarnos unha man e isto é algo que nos enche de orgullo. Está claro que a música une.
 
- Onde podemos facernos con "Un novo espertar"?
 
Agora mesmo a maneira máis doada de conseguir o noso traballo en formato físico é vindo a algún dos nosos concertos e pedírnolo!
 
Con todo, a verdade é que xa nos quedan poucas copias físicas deste primeiro traballo, pero en formato dixital (Spotify, Youtube, etc) está tamén dispoñible para aquelas persoas que queiran desfrutar del.
 
 
- A pesar de que sodes un grupo que leva relativamente pouco tempo nisto realizastes bastantes concertos. Esta sendo un bo ano para Cuarta Xusta, non si?
 
A verdade é que o ano 2018 foi incrible para nós. Recorremos gran parte da xeografía galega espallando a nosa música por festivais, salas e festas. Sen dúbida ningunha, o apoio e cariño incondicional da xente coa que nos fomos atopando é algo que sempre levamos presente con nós.
 
 
- Algún concerto do que gardedes un mellor recordo ou que vivísedes algún momento especial?
 
Sen dúbida ningunha temos que mencionar o día 10 de marzo do 2018 na Catedral do Rock galego: O Gatos. Ese día presentamos o noso traballo rodeadas de persoas marabillosas coma as compas de Nuada, familia e amizades, con todas as entradas esgotadas e moitos bos momentos que recordaremos sempre.
 
Ademais diso, aínda que se nos fai difícil escoller, podemos dicir que o Festival 27373 de Begonte non nos vai esquecer porque, non diremos a quen de nós, pero a alguén lle romperon tres cordas e cada unha dun instrumento... E aínda que no momento non nos fixo moita gracia, agora non podemos evitar rirnos cada vez que recordamos ese concerto.
 
Agora si, anécdotas a un lado, calquera concerto por Corrubedo ou Ribeira vai ocupar sempre un lugar especial para nós. A xente de alí acolleunos dende o primeiro momento cos brazos abertos e considerámolos xa a nosa segunda familia. Son enormes!
 
- O próximo 01 de xuño verémosvos sobre o escenario do OurenRock Sound Festival en Ourense. Que nos imos a atopar os que aínda non vos puidemos ver en directo?
 
Se aínda non tivestes a oportunidade de vernos en directo e ides ó OurenRock podemos asegurarvos que vos faremos desfrutar e bailar coa nosa música, así que non dubidedes en achegarvos e berrar con nós os nosos temas!
 
Ademais, quen sabe, igual deixamos caer por aí algún adianto, pero que quede entre nós!
 
- Que plans tedes a curto prazo?
 
A curto prazo podemos dicir que se aveciñan novas, así que todas as persoas que queiran estar ó tanto que nos sigan nas nosas redes sociais para manterse ben informadas do que vén!
 
- E a longo?
 
A longo prazo non podemos saber que nos espera, pero si que podemos dicir que temos novos proxectos en mente e que seguimos traballando con moitísimas ganas e ilusión para dar o mellor de nós!
 
- Nada máis. Algo que queirades contarnos e non se nos ocorreu preguntarvos?
 
Moitísimas grazas pola entrevista! Vémonos no OurenRock!! Saúde e Rock and Roll!