Nao traerá a Apocalipse da sua derradeira xira a Vigo e Ourense esta próxima fin de semana. Así estarán o venres 01 de febreiro na Fábrica de Chocolate de Vigo e o sábado 02 de febreiro no Café Cultural Auriense de Ourense.
As entradas teñen un prezo de 10€ en venta anticipada e de 14€ na billeteira. Anticipada en Vigo: Wouticke.es - fabricadechocolateclub.com. En Ourense no Café Cultural Auriense.
Logo de 13 anos os NAO veñen de anunciar a saída do que será o seu derradeiro disco. “Ata que o lume se apague” é o título de 13 cortes gravados a camiño entre Galiza e Euskal Herria. Este disco fecha unha triloxía de despedida que comezaron no 2015 baixo o título de Apocalipse NAO.
Esto levará consigo unha xira de presentación de salas, "Ata que o lume se apague Tour", que comezou o 5 de decembro na Sala Capitol e rematará no mes de abril. A intención da banda é percorrer os numerosos recunchos da xeografía galega para que ninguén perda a oportunidade de poder ver na súa derradeira xira á banda.
A primeira formación de Nao nace da conxunción de músicos con diversa experiencia dentro do rock, o punk e o metal galego: Xenreira, Fusquenlha, M.D.R, Fai Tun Flai ou Indana.
En outubro do 2005 dan o seu primeiro concerto no Centro Social a Revolta, en Vigo. Tras a gravación das primeiras maquetas e dunha xira por distintas vilas de Galiza, viaxan cara os estudos Garate, de Euskal Herria, onde darán forma ao seu primeiro disco “As palabras espidas” (2007). A este disco séguenlle cinco máis: “Coas túas mans” (2010), “Cancións de amor e liberdade” (2012), “Cartas no caderno” (2014) e o doble álbum “Soñar” – “Crear” (2016). Cabe destacar que nestes 13 anos a banda sufre cambios na súa formación.
O ascenso de NAO é evidente e a súa presenza no panorama musical galego, indiscutible, contando cun crecente número de seguidores e producíndose un salto cualitativo no traballo da formación, de feito, no ano 2015 resultan galardoados co prestixioso Premio Martín Códax da música galega na categoría de Metal.
É nese ano, e estando no seu mellor momento, cando a banda anuncia un parón indefinido pero non inmediato. A súa intención era crear unha triloxía final baixo o epígrafe de “Apocalipse NAO”. “Soñar” (2016), “Crear” (2016) foron dous dos tres discos da Apocalipse proxectada polos músicos de NAO, que se verá completada co que será o derradeiro disco baixo o título “Ata que o lume se apague”.
Nestes máis de trece anos NAO destacou por ser unha banda cun forte compromiso social, cun dos mellores directos do panorama galego dos últimos tempos e por ser un referente ideóloxico e musical para máis dunha xeración. Os seus concertos caracterízanse por ter unha afluencia masiva de público que corean as letras da banda de comezo a fin.
Achégase a Apocalipse. Que se eleve o lume, que arda.
Máis información en:
www.somosnao.com