O Festival Revenidas, que ateigará Vilaxoan de música, festivaleiros e festivaleiras entre os días 18 e 20 de agosto, pecha un cartel con 26 propostas musicais engadindo a Bolboreta, De Vacas, Pupil·es e Voodoo -catro bandas lideradas pola forza de mulleres que abranguen unha chea de estilos musicais pasando polos toques de humor ou a canción protesta-, Noite Fechada, O Leo i Arremecághona, DJ Pimp, La Duendeneta, e Galifunk Brass, Bloquinho Aperta e Os Terribles de Arousa para acompañar aos asistentes ás actividades de día e facer dos seus pasarrúas unha auténtica arte.

Súmnase deste xeito esta serie de concertos aos xa anunciados anteriormente pola organización: La Pegatina, Skindred, Bohemian Betyars, Riot Propaganda, Esne Beltza, Vendetta, Terbutalina, Dakidarria, Desakato, Txarango, Auxili, Sara Hebe, Voodoo, Doen, Zapa! e SonDaRúa.

Estas 26 bandas, procedentes de Galiza, Asturies, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Madrid, Arxentina, Hungría ou Estados Unidos achegaránnos no #Revenidas17 unha potentísima combinación de sotaques e estilos musicais como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou a electrónica. 

Ademais de continuar coa venda de abonos para o #Revenidas17 a través da páxina web www.revenidas.com, a organización presenta tamén a súa programación por días poñendo á venda tamén un número limitado de entradas dun só día. O prezo será de 35€ para o abono (que custará 45€ en taquilla) e de 20€ para a entrada dun día (que terá un prezo de 25€ en taquilla durante os días de celebración do festival. Nos próximos dáis habilitaránse puntos de venda físicos nas catro provincias galegas para quen prefira mercar deste xeito.
 
Skindred aglutina influencias do nu metal, o punk e o reggae, definindo o seu estilo como "ragga metal". A banda de Newport, que celebrará o próximo ano o décimo aniversario do nacemento da formación, combina todo tipo de elementos musicais sendo capaces de unir a persoas de todos os rincóns do mundo e de facer que caa unha delas se desgarre ata o final na pista de baile. Deste xeito conseguen cumplir unha das súas máximas: que todo o mundo se mova mentres canta sobre temas universais e difunde unha mensaxe de acción positiva e unidade social.

Segundo a propia banda, os grupos que máis influíron neles son Specials, The Police e Clash, e por iso se autodenominan como "os netos desas grandes bandas británicas", coa diferencia de que, que en lugar de mesturar o ska e o rock, utilizan ritmos do Raggamuffin xamaicano xunto a metal punk da escena heavy. Abride os oídos e preparade os pés para bailar porque, tras conquistar numerosos países arredor do mundo, Skindred aterriza no Revenidas.
 
Os húngaros Bohemian Betyars son unha das bandas máis tolas do seu país. Para obter os seus extraordinarios sons mesturan o violín e o pasado folclórico do baixista co estilo do resto da banda, á que agregaron o dinamismo do punk e o ska condimentados coas melodías da conca dos Cárpatos.

Antes puidestes velos en festivais coma o Viña Rock (España), Boomtown Fair (Gran Bretaña), Rockfest (Eslovaquia), Festivaloche (Francia), Lowlands (Países Baixos)... e o próximo mes de agosto no Revenidas para contaxiar a todo o público co seu característico bo humor e corpo de festa.
 
Bolboreta presenta un directo no que o fío conductor é a música xunto a mensaxe que a cullerdense Lydia Botana (voz, piano, guitarra, acordeón) transmite tocando os seus temas que falan sobre o respecto pola terra, as persoas e a superación dos obstáculos que nos atopamos na vida fusionando xéneros musicais coma o latin, o rock, o pop, o ska… e versións que abranguen dende o tradicional “Túa nai é meiga” ata o reggae de Bob Marley.

Un proxecto persoal de música mestiza no  que se fusionan xéneros musicais coma medio de expresión para falar do mundo que nos rodea, de inxustizas e utopías desta sociedade e do optimismo co que Lydia se move polo mundo.
 
De Vacas son un cuarteto musical formado por unha guitarra e tres voces que fan versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Dende as Spice Girls ata o “Gagnam Style”, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló…  nun formato fresco e divertido. Ata Vilaxoán traerán o seu novo repertorio e os clásicos de sempre pasando pola particular versión do “Despasito” de Luis Fonsi, o “Amodiño”. Música e moito humor nos novos temas para a terra das Revenidas!
 
Pupil·les actuará por primeira vez en Galicia no #Revenidas17 inundándonos por completo co seu feminismo loitador, rebelde e festivo. Este trío do País Valencià (composto polas cantantes Natália Pons  e Mireia Matoses e polo disc-jockey Joan Rodríguez) chegará a Vilaxoán cunha clara mensaxe: dar voz ás silenciadas e forza para que sexan elas quen griten, digan basta e a partir de aí poidan construír a súa vida plenamente. As Pupil·les rapéanlle á vida, á festa e á “Gresca” así que preparádevos para os seus ritmos de reggeatón, drum&bass, reggae e hip hop!
 
VooDoo é música, VooDoo é maxia. VooDoo é a electricidade que corre entre os dedos. Un coidado proxecto musical do que forman parte: Maritxinha (baixo) e Belém (teclado e voz). A súa música é trascendental e feita con mimo para “grandespequenos” momentos de almas que escoitan e non teñen parada. Unha fusión de estilos que se moven entre o Acid Jazz e o Soul, entre o R&B e o Rock e crecen a través da curiosidade pola música, por escoitar e perseguir infinitamente o tempo e os silencios.
 
Noite Fechada é un grupo de rock and roll en galego de Cambados-Barrantes que nace a raíz dun “cachondeo” un domingo de rescaca entre Matías, Carmelo e Gustavo. Co seu toque ghallegho redescubriredes as cancións máis coñecidas da historia do rock. Asegurámosvos que non deixaredes de rir e bailar!
 
Artista polifacético, filólogo e poeta, O Leo i Arremecághona é un creador multidisciplinar que ofrece sempre unhas orixinais actuacións en directo e espectáculos que rozan o formato da performance. É habitual que o seu espectáculo punk tamén estea precedido de versións acústicas de autores da canción protesta galega e dos Cantores de abril. O Leo, que ten dado recitais por toda Galiza, non perderá este #Revenidas17 así que… aconsellámosvos que vós tampouco o fagades porque, con el en escena, pode pasar de todo!
 
Se xa estivestes antes no Revenidas coñeceredes a DJ Pimp!  As súas sesións recollen diversos estilos musicais (hip hop, funk, trap, dubstep, electro, rock&roll), acompañados por pequenas doses de turntablism. Na actualidade o seu estilo deriva cara a electrónica experimental aínda que con moito baile, baixos crus e actitude electro. Etiquetas a un lado, Dj Pimp pon a técnica ao servizo da diversión.
 
Dende a organización destacan, un ano máis, a ambiciosa programación musical e de actividades paralelas desta edición, que dotan ao Festival dun carácter familiar na súa programacióin de día e apta para todos os públicos, que se debullará polo miúdo nas próximas semanas. “O esforzo de pór en marcha un festival que atrae a miles de visitantes non sería posible sen o apoio do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Axencia Galega de Industrias Culturais e a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra que nos incluíu na marca Festivais Rias Baixas así como as entidades privadas e asociacións que nos axudan a mantelo máis vivo ca nunca”, afirman os organizadores do #Revenidas17.