Ainda quedan enamorados dos sons analoxicos e crus, amantes da distorsión coma Exeria, sendo romanticos no detalle e na sutileza. O seu estilo estaría nun punto común entre o grunge, o stoner, o rock dos 90 e mesmo o britpop, todo aderezado con letras en galego. As raíces son importantes para calquera proxecto, e o sentimento de pertenza a un lugar e tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear as súas cancións.
Tras a presentación de “Un novo nome” en Marzo deste ano, a súa posterior xira por toda Galicia e gañar o concurso de bandas no Trece Roeis Fest 23, a banda do Condado segue avanzando a pasos axigantados na sua aventura artística.
O 27 de outubro estrearon o novo sinxelo "Ata que sexamos reis" que vai acompañado dun videoclip dirixido por Nazaret Pastoriza e protagonizado polas máscaras do recuperado Entroido dos mudados e perriñas en Ribadetea, Ponteareas. O tema foi gravado nos estudios Lufs, encontrandonos con unha das cancións máis celebradas do seu potente directo.
A portada do sinxelo foi deseñada polo artista Adrián Rodríguez Parcel e reflicte á perfección o tema da canción, que trata dos esforzos que realizan os protagonistas para acadar os seus obxectivos (sexan amoríos, conflitos internos ou escalada de poder); Temas que o grupo aborda en clave case pop-rock, con estribillos contundentes e partes máis oníricas-ambientais-melódicas.
