A banda de rock galega Ruxe Ruxe lanza o disco número 17 nos seus máis de 25 anos de traxectoria, cun xiro de guión e outras sorpresas. "Unha noite no interior dunha faísca" chega no momento máis doce do grupo, cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz.
No álbum "Unha noite no interior dunha faísca", a voz de Ruxe Ruxe vira e da súa baixista, Xulia Fuentes, gaña protagonismo en temas como 'Vaia onde vaia', 'Onde están?' ou 'Lévame á festa'. Letras de amor e amizade fan boa mostra do ilusionante momento que vive a banda.
O traballo de produción de Xurxo Pinheiro limpa de prexuízos os sons do grupo, que arrisca e aposta por novos camiños musicais nunca antes explorados. A banda non se acomoda e evita facer o que sería máis esperable: desta quenda Ruxe Ruxe soa máis aberta, aventureira e ecléctica. Vólvese máis coral, mais sen perder a súa esencia.
Para celebrar o lanzamento Ruxe Ruxe estrea na súa canle de YouTube o videoclip de 'Crebas' que, en palabras de Vituco Neira, cantante e guitarrista, <<é a canción máis molona que fixemos nunca>>. Trátase dun tema moi honesto, sinxelo e directo, que fala do amor -non exclusivamente romántico- e da confianza. A canción acompáñase dun vídeo moi especial, que parte dunha idea de Ramón Díaz, co luxo e a singularidade de estar ateigado de ilustracións e animacións coa firma de Diego Pérez ‘Diebujitos’.
Tanto a publicación do disco coma do novo videoclip mañá venres será un aperitivo do que o público poderá catar ao vivo na Sala Capitol a fin de semana que vén. O sábado 25 terá lugar o concerto de presentación deste novo álbum, unha noite na que a banda sorprenderá ao público con colaboracións e novidades que se darán a coñecer na mesma cita. As entradas para están dispoñibles na plataforma Wouticket.
Neste novo traballo da banda, producido e mesturado por Xurxo Pinheiro nos Laboratorios Soyuz, e masterizadas por Juan A. Lameiro, participaron tamén Xabier Facal (hammond), Abel Cañete (trompeta e fliscorno), Cristina Fuentes (coros en 'Zombies e licores', 'Chernóbil', 'Aliens en Samil' e 'Scórpio'), Natasha Gz (coros en 'Chernóbil' e recitado en 'Radioactiva') e Xurxo Pinheiro (guitarra en 'Radioactiva', sintetizador en 'Aliens en Samil' e coros en 'Autoodio' e 'Frankestein'). A produción executiva de "Unha noite no interior dunha faísca" é de Luneda Producións e o deseño gráfico é de ArinsPunk, mentres que María B. Domínguez foi responsable da supervisión lingüística de "Unha noite no interior dunha faísca".