Esta mañá celebrouse a rolda de prensa do evento en Expourense, onde participaron Xosé Manuel Merelles, Director de Turismo de Galicia; César Fernández, Vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Deputado de Cultura; Aníbal Pereira, Tenente de alcalde do Concello de Ourense; e David Jiménez-Zumalacárregui, director artístico do festival.
Unha presentación na que se destacou a relevancia do festival non só como evento musical, senón como un verdadeiro motor cultural e turístico para a rexión. A colaboración de entidades como a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e Xacobeo, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, Estrela Galicia e o medio oficial, Cadea Ser foi clave para este crecemento.
Rogelio Martínez, Director xerente de Expourense, abriu a rolda de prensa destacando o compromiso do recinto co festival, que abre a tempada de eventos este ano, e o seu papel na proxección de Ourense. A continuación, César Fernández, Vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Deputado de Cultura, destacou: "A importancia dos eventos culturais para a dinamización dun territorio, atraendo a miles de persoas e enchendo os hoteis e restaurantes".
Pola súa banda, Aníbal Pereira, Tenente de alcalde do Concello de Ourense, comentou: "OUR FEST pon a Ourense no mapa cultural e turístico de Galicia, ofrecendo unha oportunidade para mostrar o mellor da nosa cidade e este ocio fai á xente máis feliz". David Jiménez-Zumalacárregui, director artístico do festival, engadiu: "Este ano, igual que nos anteriores, seguimos na liña da búsqueda da calidade e non da cantidade, atraendo a xente de moitas partes, cun cartel diferente, con bandas que teñen un pasado e bandas actuais que están dando moito que falar". Finalmente, Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, pechou as intervencións afirmando que: "Grazas tamén ao traballo conxunto das tres institucións, Ourense converteuse nunha das principais cidades musicais non só de Galicia, senón tamén a nivel estatal, axudando a proxectar a nosa cultura e atraeando tamén a visitantes do norte de Portugal cun cartel tan atractivo e diferente".