A banda de garaxe punk da Pobra do Caramiñal lanza "Segue chamando",  o seu novo videoclip. 

É a súa adaptación do "Keep A-Knockin´" de Little Richard pasada pola versión dos Sonics que facía parte do lado B do seu primeiro single do ano 64 con "The Witch" no lado A.

A canción fai parte do seu álbum de versións "Galician People Speak Galego" que en breve publicarán. Este é o adianto.

A finais do verán de 2022 e rematada a xira de presentación do seu primeiro álbum “Quimicamente Impuro” e os concertos dese verán, comezaron a preparar temas novos para ir incorporando ao seu repertorio e para formar parte dun futuro novo álbum.

Temas novos que irían substituindo a algunhas das covers do repertorio, moitas delas desde o inicio da banda. Foi nese momento que a banda pensou que era unha mágoa que non quedara rexistro desas versións adaptándoas ao seu estilo e sobre todo, ao noso idioma.

Teñen algún clásico da música brasileira, todo un mundo por descubrir e reivindicar, e sobre todo traducións e adaptacións de clásicos de grupos internacionais que casaban coa sua proposta musical. E de aí saen as  11 cancións que forman parte desta colección autoproducida de músicas versioneadas.

As gravacións foron feitas no local de ensaio por eles mesmos dunha maneira absolutamente amateur e cun equipamento do máis básico. Espírito Lo-Fi e punk rock de faino ti mesmo. E o formato no que presentan este novo traballo tamén e moi punki e orixinal. Sacarán un fanzine onde se atopará o código QR para acceder ás cancións, e tamén incorporará información sobre as mesmas e a maiores porán a disposición dos que se fagan co Fanzine acceso a material audiovisual exclusivo do grupo e outras sorpresas.

A portada e titulo do fanzine e do álbum “Galician people speak galego” enténdense mellor o sentido e ironía tendo en conta que a maioría das cancións son adaptacións ao galego de orixinais en inglés.

O fanzine estará xa a disposición nos  concertos de outono programados e tamén claro está a quen llo pida por calquera das suas redes sociais.

Aquí podedes escoitar o seu primeiro disco“Quimicamente impuro”:
 
Máis información: