Logo de 13 anos os NAO veñen de anunciar a saída do que será o seu derradeiro disco. “Ata que o lume se apague” é o título de 13 cortes gravados a camiño entre Galiza e Euskal Herria. Este disco fecha unha triloxía de despedida que comezaron no 2015 baixo o título de Apocalipse NAO.

Levará consigo unha xira de presentación de salas, "Ata que o lume se apague Tour", que comezará o 5 de decembro na Sala Capitol e rematará no mes de abril. A intención da banda é percorrer os numerosos recunchos da xeografía galega para que ninguén perda a oportunidade de poder ver na súa derradeira xira á banda.

A finais de abril comezará unha xira que intercalará salas e festivais por Asturies, Euskadi e Portugal. En maio comeza a tempada de festivais. Para isto NAO ten preparado un novo espectáculo de despedida: Apocalipse Nao Tour. Dúas horas de concerto, con nova escenografía e espectáculo, colaboracións… facendo un repaso a toda a súa discografía cun show que non deixará a niguén indiferente.

Un pequeno anticipo do que teñen preparado para o verán poderédelo ver o 5 de decembro na compostelana Sala Capitol. A partir de outubro NAO preparará o seu concerto final de despedida. O mes elixido é decembro de 2019, o lugar Santiago de Compostela. O recinto e a data exacta aínda están por determinar.

O concerto da Sala Capitol do 05 de decembro de 2018 comezará as 21:30h coa apertura de portas da sala. As entradas anticipadas están á venda en ticketea, www.salacapitol.com y A Reixa Tenda. As 100 primeiras entradas online a 10€. O Resto a 12€ en anticipada e 16€ na billeteira.

A primeira formación de Nao nace da conxunción de músicos con diversa experiencia dentro do rock, o punk e o metal galego: Xenreira, Fusquenlha, M.D.R, Fai Tun Flai ou Indana.

En outubro do 2005 dan o seu primeiro concerto no Centro Social a Revolta, en Vigo. Tras a gravación das primeiras maquetas e dunha xira por distintas vilas de Galiza, viaxan cara os estudos Garate, de Euskal Herria, onde darán forma ao seu primeiro disco “As palabras espidas” (2007). A este disco séguenlle cinco máis: “Coas túas mans” (2010), “Cancións de amor e liberdade” (2012), “Cartas no caderno” (2014) e o doble álbum “Soñar” – “Crear” (2016). Cabe destacar que nestes 13 anos a banda sufre cambios na súa formación.

O ascenso de NAO é evidente e a súa presenza no panorama musical galego, indiscutible, contando cun crecente número de seguidores e producíndose un salto cualitativo no traballo da formación, de feito, no ano 2015 resultan galardoados co prestixioso Premio Martín Códax da música galega na categoría de Metal.

É nese ano, e estando no seu mellor momento, cando a banda anuncia un parón indefinido pero non inmediato. A súa intención era crear unha triloxía final baixo o epígrafe de “Apocalipse NAO”. “Soñar” (2016), “Crear” (2016) foron dous dos tres discos da Apocalipse proxectada polos músicos de NAO, que se verá completada co que será o derradeiro disco baixo o título “Ata que o lume se apague”.

Nestes máis de trece anos NAO destacou por ser unha banda cun forte compromiso social, cun dos mellores directos do panorama galego dos últimos tempos e por ser un referente ideóloxico e musical para máis dunha xeración. Os seus concertos caracterízanse por ter unha afluencia masiva de público que corean as letras da banda de comezo a fin.

Achégase a Apocalipse. Que se eleve o lume, que arda.

Máis información en:
www.somosnao.com