Nesta edición o público poderá gozar da música de Soziedad Alkoholika, El Drogas, Zoo, Russkaja, The Real McKenzies, Ayax y Prok ou Dakidarría entre outros.

A 15º edición do festival Revenidas, que se celebrará os próximos 17, 18 e 19 de agosto en Vilaxoán, presentouse no Parque de Dona Concha da vila coa presenza de Sonia Outón Jacobo Sutil -director de AGADIC-, Xosé Leal -deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra-, Carmela Silva -Presidenta da Deputación de Pontevedra, Sonia Outón -Concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Alberto Varela -alcalde do Concello de Vilagarcía de Arousa-, Xurxo Souto -músico- e Xoan Quintáns -director do festival Revenidas-.

A concelleira de cultura do Concello de Vilagarcía, Sonia Outón, quixo aproveitar a ocasión para destacar o carácter propio do Revenidas, alegando que é un festival "intercultural, internacional e que traballa a prol da lingua", idea coa que concordou Xosé Leal ao describir o evento como "un punto de convivencia interxeracional que defende a lingua galega e todas as do Estado". 

Na mesma liña, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que "Revenidas fala do que somos, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa tradición", e Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa, celebrou que durante unha fin de semana, o mundo mira cara a Vilaxoán froito do bo facer da organización e, sobre todo, do carácter amable e hospitalario da xente da vila.

Jacobo Sutil, director da AGADIC, aproveitou a súa intervención para destacar a variedade das actividades paralelas e a rica proposta musical do Festival. Ademais, explicou antes os asistentes as accións que porán en marcha dende a Xunta de Galicia a través de Fest Galicia, como a avaliación económica, social e comunicativa dos festivais que se agrupan baixo a marca.

O Revenidas, que contará con máis de corenta bandas galegas, do estado e internacionais, terá unha especial "presenza artística feminina”, tal e como apuntou o director do festival, Xoan Quintáns, "co obxectivo de conseguir que isto vaia cada edición en aumento". Ademais, Quintáns tamén quixo destacar varias das principais novidades desta edición: a maior aposta do festival pola sostibilidade e o medio ambiente a través da reciclaxe e reutilización e a incorporación da tecnoloxía cashless como sistema de pago. 

Para rematar, o músico Xurxo Souto -que actuará no festival coa Banda Xangai- anunciou a actuación sorpresa da Coral de Vilaxoan durante o seu concerto, que terá lugar o próximo domingo 19. Deste xeito, apuntou Souto, "Vilaxoán permítese crear os seus propios espectáculos, e incluso tamén a súas propias cancións, como a que esta coral compuxo exclusivamente para o Festival".

Actuacións musicais e actividades paralelas

Os asistentes ao Revenidas poderán gozar o próximo venres 17 de agosto das actuacións de  Soziedad Alkoholika, Ayax y Prok, The Real Mckenzies, Ezetaerre, Joan Garriga e Galactic Mariatxis, Balkan Bomba, Keltoi! e María Turme DJ; o  sábado 18 de agosto será o turno de  El Drogas, Tremenda Jauría, Steven 'n' Seagulls, Cuarta Xusta, NH3, Glaukoma e Isaac Peces DJ; e o domingo 19 o ritmo correrá da conta de Russkaja, Dakidarría, Banda Xangai, Zoo, Xavi Sarrià i el Cor de la Fera, High Paw & Elephand Yard, El Diluvi, Auxili e The Dawlins.

Ademais, o Festival das Linguas, continúa abríndose ao mar pola natureza do espazo no que se celebra. Froito da cultura marítima da zona, o festival ofrécelle ao público a posibilidade de vivir unha experiencia marítima única en familia pola Ría de Arousa a bordo do Chasula. Trátase dunha embarcación tradicional na que o público gozará da  música ao vivo de Voodoo, Roberto Sobrado, Arremecaghona Monobanda, Xurxo Souto, Ugía Pedreira + Marina Oural e Marcelo Dobode; e dunha exclusiva  degustación gastronómica de produtos 100% galegos. Unha actividade perfecta para grandes e pequenos que contará con tres saídas o sábado 18 e outras tres o domingo 19 en diferentes quendas dunha duración aproximada de 2 horas.

Alén disto, o evento segue contando cunha chea de actividades gratuítas para todos os públicos como  Gran Gala de Circo Solidaria “Gala das liberdades” a favor de Pallas@s en Rebeldía, a habitual  Sardiñada Popular Revenidas, diferentes prostas gastronómicas a cargo de chefs con  Mahou que nos presentarán os seus pratos máis apetecibles e innovadores, música soundsystem non stop no  Recuncho DUB ou a nosa  Feira Revenida, onde os protagonistas serán o talento, a creatividade, a innovación, as figuras emerxentes no mundo das artes e os produtos culturais do país.
 
Entradas e actividades

O modelo de combinar actividades de balde para público familar con concertos de pago seguirá sendo a base desta festa galega, que continúará na súa liña de explorar novos espazos con actividades que vencellen a vila e o evento, co que colaboran o Concello de Vilagarcía de Arousa, A Deputación de Pontevedra a través do seu circuíto #RíasBaixasFests e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), por medio da súa marca Fest Galicia.

Os interesados e interesadas en asistir ao Revenidas 2018 poden mercar xa o abono de tres días por un prezo de 35€ e a entrada dun só día 20€  a través da páxina web www.revenidas.com, nos puntos de venda físicos ou en todas as oficinas de Correos de España.