Aproveitando que ian visitar a Cidade das Burgas para presentarnos o as suas cancións nun novo formato acústico, apenas unhas semanas antes do seu concerto na segunda edición do OurenRock Sound Festival, pusemonos en contacto coa banda de Val Miñor para que nos falase de ese "Lume" que van traer a Ourense o 3 de xuño e que nos puseran un pouco ó día das suas cousas.
 
Isto foi o que nos contaron...
 
- Repetides no OurenRock Sound Festival pasástelo ben o ano pasado, non? Que recordo tedes?
 
O ano pasado foi un concerto moi bonito porque era dos primeiros festivais da época estival. Ademais lembro que no noso concerto había moita xente e moi entregada en cada canción. Morremos de ganas por repetir e ir vendo medrar a este gran festival.
 
- Fai nada, o venres pasado, pudimosvos ver no Gallery Bar de Ourense nun concerto acústico, un formato pouco habitual en vós. Como vos animastes a iso? Ides levalo a máis lugares?
 
A idea do acústico xurde da imposibilidade de levar o noso show a certos locais ben sexa por aforo, medios técnicos ou espacio no escenario. Somos xente de bares, de tabernas, de furanchos… necesitábamos atopar un formato que se adecuase a iso e poder tocar as nosas cancións a “modo acampada”. Ademais mola moito estar tocando co público a centímetros e poder quedar despois do concertó a falar coas persoas que se achegaron. Todo é mais familiar e iso era necesario para nós.
 
- Falemos do máis novo de Dakidarría. Lume foi o primeiro single/videoclip e o tema que dá título ao voso novo traballo, podedes dicirnos en que punto se atopa este novo traballo?
 
A idea era sacar un disco pero decidimos non facelo. Decidimos ir sacando videoclips un a un. O motivo é simple, xa ninguén merca discos e preferimos ir soltando temas ós poucos, con mimo e tempo para que o público os asimile, os escoite varias veces e os comprenda. Hai quen di que é raro ou arriscado facelo así pero sentimos que é a mellor maneira de traballar nas cancións e de facelas chegar a mais xente. Cada canción ten unha promo específica e iso fai que se multiplique o número de ointes. Imos probar esta fórmula desta vez a ver que pasa!!
 
- Cando tedes previsto publicar o seguinte vídeo? Confiaredes de novo en Maldito Records?
 
A seguinte canción vai saír en poucos días, se todo vai ben xa a presentaremos no noso querido Ourenrock. E por agora seguimos con Maldito Records. Ó non haber formato físico polo momento o selo encárgase da distribución dixital, promoción, etc. Estamos contentos por agora con Maldito Records porque son unha empresa referencia do Rock no estado e axuda a que a nosa mensaxe chegue a mais sitios. Se seguen traballando ben seguiremos ó seu carón.
 
- Xa ten título esa nova canción?
 
Aínda non quero desvelar o título. Porque ata o último día non terei moi claro como bautizala, hehehe.
 
 
- Lume é un termino con moita acepcións, é algo real que o mesmo dános luz e calor que destrúe a nosa contorna. Por que este título, que significado querédeslle dar?
 
O lume do que falamos nós ven cargado de significado. Falamos de empenta, de enerxía, de guerrilla urbana e rural, de sacar a raiba que agochamos e rachar co establecido. Necesitamos que a xente prenda lume ó sistema e comecemos a crear redes de apoio mutuo para acadar maiores liberdades, xustiza e a tan ansiada paz. Lume para rematar con esta guerra encuberta que asasina ó terceiro mundo, escraviza á maioría das residentes no primeiro mundo e aniquila a diversidade.
 
- O ano pasado ademais de no OurenRock Sound Festival vímosvos no Why not Here Fest? en Foz, en ambos gozamos dun gran concerto voso. Ademais do repertorio que diferenzas imos atopar este ano no OurenRock Sound Festival e no resto de concertos de Dakidarría? Ou para que cambiar se estamos ben así, non?
 
Os directos van evolucionando. Imos quitar alguna canción e recuperar alguna vella ademáis das dúas novas que xa comentamos. Hai algún cambio en escenografía tamén. A esencia, iso si, vai ser a mesma: Transmitir alegría e valores de rebeldía e dignidade popular.
 
- Por que recomendariades á xente vir ao OurenRock Sound Festival? Ademais de poder vervos a vós, por suposto.
 
O primeiro que debo dicir é que organizar un festival é moi complicado. Eles comezaron forte o primeiro ano e así aínda é mais complicado ó carecer dun recorrido previo. Pero me encanta a filosofía que teñen de seguir apretando en vez de botarse atrás. Ese me parece o modo de poder un día consolidar o festival. O lugar onde se desenrola é precioso, cómodo para acampar e cunha historia moi curiosa ás costas. Ademais o ano pasado xerouse un ambiente moi cómodo, moita camaradería festivaleira e moita troula. Creo que entre todxs debemos apoiar estas iniciativas que non nacen dunha gran empresa se non de xente que quere ter música Rock en directo na súa cidade ou comarca. A este tipo de festivais é ós que hai que coidar e apoiar xa que non son grandes empresas que hoxe están e mañá non están…senon que son xente da vila que quere levar adiante un proxecto cultural moi bonito e ilusionante. Parece que hai xente que non comprende isto por desgraza.

- Algunha cousa que se nos quedara no teclado e queirades dicir a quen lea esta entrevista?
 
Que nos falen se queren facelo cando nos vexan por aí, que non mordemos!! Ás veces parece que levamos unha barreira invisible ó redor e, sen embargo, somos bastante sociables case sempre. Que nos debemos ó noso público e queremos escoitar as súas inquedanzas. E que tentemos ser felices nesta loita que nunca gañaremos sen un sorriso como bandeira.
 
Más información: